Sunday 19 de May de 2024

O Concello abre este mércores o prazo de presentación de candidaturas para a XXII Gala do Deporte de Neda


Neda premiará un ano máis aos mellores deportistas do municipio. O goberno local comeza os preparativos da que será a XXII Gala do Deporte Concello de Neda, e faino buscando a participación do sector. Con este obxectivo, vén de publicar ás bases para a presentación de candidaturas.

O administración local distinguirá ao mellor ou á mellor deportista da localidade, en función dos resultados obtidos durante a tempada 2022-2023. Poderán optar deportistas residentes no municipio ou con algún tipo de vínculo coa localidade (persoal, laboral, familiar, de nacemento ou deportiva). En calquera caso, só se valorará a deportistas federados/as.

Na gran festa do deporte nedense recoñecerase ademais o traballo das mellores promesas masculina e feminina (menores de idade con opcións a converterse en grandes deportistas). E haberá mención especiais para “equipos, adestradores, directivos, entidades públicas ou privadas, e agrupacións” que destaquen polo seu labor en canto á promoción, ao apoio, e ao desenvolvemento do deporte.
Dende este mércores e ata o 20 de maio, calquera persoa física ou xurídica, asociación, centro educativo, organismo ou entidade pública ou privada, relacionada coa actividade física e co deporte en Neda, poderá facer as súas propostas de candidatos/as, acompañándoas de información dos méritos que concorren, a través da Sede electrónica Municipal do Concello de Neda.

Na web municipal están dispoñibles as bases e o modelo oficial para presentar as candidaturas. Os propoñentes deberán enviar ademais dúas fotos dos seus candidatos/as ao correo electrónico: escolasneda@gmail.com ou ben correo@neda.gal. Un xurado, nomeado polo goberno local, será o que ditamine.

Deja un comentario